10 may 2010

"OUTROS MUNDOS": MEIR MARGALIT E O CONFLICTO XUDEU-PALESTINO

O vindeiro 18 de maio ás 20.00 horas no Liceo de Ourense terá lugar a conferencia-coloquio de MEIR MARGALIT, dentro do programa "A INTERCULTURAL" que organiza o Campus de Ourense.

Nacido en Bos Aires, en 1952, a historia de Meir Margalit é cicais, unha das mais singulares dentro do movemento pacifista de Israel. Xa en Arxentina, Meir formaba parte dun grupo sionista de dereitas. Cando en 1972 chega a Israel fai dúas cousas: a primeira, enrolarse no exército (na sección de infantería) e a segunda, xa no 1973, fundar o asentamento de Net Zarim, na franxa de Gaza, un dos enclaves de colonos máis problemáticos que hai no Oriente Medio. En outubro dese mesmo ano, Meir resulta ferido na guerra do Yom Kippur, feito este que marcará un punto de inflexión na súa vida. Comeza entón un proceso de replantexamento das súas ideas: "Entendín que cada ideoloxía ten o seu prezo, e eu non estaba disposto a pagar o prezo da conquista. Non paga a pena morrer por territorios". Trinta anos despois, Meir é o coordinador dun dos grupos pacifistas máis activos da disidencia israelí.
Doctorouse en historia israelí pola Universidade de Xerusalén e creou un partido político de esquerdas, denominado Meretz co que chegou a acceder ao Consello Municipal da Cidade de Xerusalén.
Despois de formar parte de esa Cámara, Margalit fundou o Comité Israelí Contra a Demolición de Casas (ICAHD). A labor deste organismo baséase en reconstruir as edificacións árabes que son destruídas polas forzas israelís para evitar a expulsión da poboación palestiniana de Xerusalén. Actualmente Margalit é, ademáis, coordinador do Movemento polos Dereitos Humanos Israelís.